CRTVG

Buscar

Abanca vai reestruturar o Deportivo e despois vendelo

Publicado o 31/03/2021 14:51

• Así consta na memoria anual de Abanca, que lle foi remitida este luns á Comisión Nacional do Mercado de Valores

Din os vellos que nada é o que parece ata que non "reza en papeis". Na súa Memoria Consolidada do Exercicio 2020 Abanca deixa claro que está no Deportivo para marchar canto antes.

Escrito queda que a súa participación no club foi formalizada co obxectivo de xestionar e reestruturar a sociedade poñéndoa en valor para establecer un plan de venda.

O presidente de Abanca tiña clara a situación en xaneiro do pasado ano, xusto cando a súa entidade entraba no accionariado do club cun préstamo participativo de urxencia co que se fixo co 76,90 % do capital. Era un salvavidas, pero Escotet pedía máis flotadores.

A ampliación de capital pinchou e como ven de recoñecer agora Abanca no seu informe de contas só conseguiu reducir a súa exposición do 76,90 % ao 76,66 % do capital, cun pequerrecho 0,24 % de novos accionistas.

A situación do Dépor a primeiros de ano estaba lonxe de endereitarse. Fóra dos postos da fase de ascenso a Segunda dos que acaba de caer agora definitivamente. Coa lousa de 72 millóns de euros de patrimonio negativo, unha débeda de 83 e minguado de ingresos pola pandemia as horas de Fernando Vidal como presidente estaban contadas.

Seis días despois deste aviso marchaba Vidal e chegaba Antonio Couceiro como novo presidente. Máximo responsable dun equipo no que o principal accionista acaba de consignar a nivel contábel que a súa presenza no Dépor, como a que ten en Nueva Pescanova son: activos e pasivos que só mantén para a súa venda. Abanca deixa claro diante da Comisión Nacional do Mercado de Valores que quere minimizar as perdas da súa inversión e a pregunta é dobre: cando vai vender?, e onde está o límite da súa paciencia?

Noticias web

31/03/2021