CRTVG

Buscar

Abanca reduce un 60,5 % os seus beneficios en 2020, ata os 160 millóns de euros

Publicado o 03/02/2021 15:50

• A entidade anticipou provisións de 273 millóns ante a incerteza da pandemia

• Integrou a Caixa Geral e comprou o vasco Bankoa

• Incrementou nun 7 por cento o seu volume de negocio

Abanca obtivo en 2020 un beneficio atribuído de 160 millóns de euros, un 60,5 % menos que o ano anterior, tras destinar 273 millóns a anticipar provisións ante a incerteza derivada da pandemia de covid-19 e co obxectivo de afrontar o exercicio 2021 desde unha posición de solidez.

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, e o conselleiro delegado, Francisco Botas, presentaron esta mañá os resultados da entidade en 2020, un ano en que integrou a Banco Caixa Geral e comprou a entidade vasca Bankoa, tras frustrarse a compra do banco portugués Eurobic, e converterse en accionista maioritario de Pescanova e do Deportivo da Coruña.

Segundo informaron, a marxe de intereses (o rendemento do negocio bancario) creceu un 12 %, ata alcanzar 643 millóns, ao que hai que sumar 234,2 millóns de ingresos por prestación de servizos (comisións e outros), que aumentaron o 14 %.

A marxe bruta, que engade aos ingresos mencionados o resultado das operacións financeiras, ascendeu a 1.104 millóns, o que representa un aumento do 21,2 % respecto ao ano pasado.

O crédito a clientes aumentou un 6,6 % e alcanzou en 2020 os 38.352 millóns, mentres que os depósitos subiron a 42.541 millóns, o 11,3 %.

Cun 81,2 % de cobertura de activos dubidosos e un 2 % de taxa de morosidade, a entidade cifra en 91.480 millóns o seu volume de negocio, un 7,5 % máis -considerando a integración de  Bankoa- sitúase por riba dos 95.000 millóns de euros- en 2020, un exercicio do que Escotet confesa sentirse "especialmente orgulloso do traballo realizado".