CRTVG

Buscar

Abanca pasa a ser a propietaria do Deportivo

Publicado o 29/07/2020 22:25

Por vez primeira na historia do fútbol español, un banco é o máximo accionista dun club. Vidal tentou disipar as dúbidas da oposición sobre as intencións do rescate de Abanca.

Fernando Vidal Presidente do R. C. Deportivo: "Non me parece unha operación de especulación. Entendería as discrepancias con algúns de vostedes se isto fose en Primeira División. Pero el non quere entrar en Primeira División. El tenta botar unha man en Segunda ou en Segunda División B".

Chega Abanca para controlar, polo momento, o 78 % do capital social. Vidal non quere que ninguén cuestione a independencia do seu consello.

Fernando Vidal Presidente do R. C. Deportivo "Non son un monicreque. Téñoo moi claro. Nós imos decidir sempre. Ata que nos deixen decidir. Ata o momento en que non nos deixen decidir, que espero que iso non ocorra, seguiremos á fronte do club. A independencia do consello é total. O que fai Abanca é axudarnos o que poida. E ademais pode axudarnos moitísimo, porque ten moita experiencia en reflotar empresas, aínda que non sexan do mundo do fútbol. O fútbol ten unha idiosincrasia diferente e polo tanto eles saben que necesitan xente que estea ligada ao fútbol".

Miguel Otero xa non é conselleiro do Deportivo. Antes de ser cesado pola xunta de accionistas, puxo en evidencia as contas.

Miguel Otero Exconselleiro do R. C. Deportivo: "É totalmente falso que o Deportivo deba 91,8 millóns de euros".

Fernando Vidal Presidente do R. C. Deportivo: "Por desgraza para o Deportivo, as contas están correctas. Xa me gustaría a min deber menos diñeiro. Sería bo para todos".

A vacante de Otero no Consello de Administración será ocupada por alguén que designe Abanca.

Noticias web

29/07/2020