Abanca gaña 157 millóns de euros no primeiro semestre, un 18 % máis
Abanca obtivo no primeiro semestre deste ano 2021 un beneficio atribuído de 157 millóns de euros, que supón un incremento do 18 % respecto ao mesmo período do ano anterior, segundo destaca a entidade. A entidade cre que os resultados falan da recuperación de niveis do ano 2019, anterior á pandemia de covid−19.
O banco, que presentou este xoves os seus resultados en conferencia de prensa, atribúe esta evolución á "fortaleza" dos seus ingresos recorrentes, "complementada polo control de gastos e a contención do custo do risco". O presidente da entidade financeira Juan Carlos Escotet subliñou o "robusto" crecemento de Abanca ante o agardado final da pandemia.
Reivindica que afronta agora así a saída da crise "desde unha posición de elevada fortaleza financeira que ten como principais alicerces a boa calidade da súa carteira, os altos niveis de cobertura, a súa elevada capitalización e a súa cómoda posición de liquidez".