CRTVG

Buscar

Abanca compra o negocio do banco portugués Novo Banco en España

Publicado o 05/04/2021 15:25

Abanca acaba de pechar co banco portugués Novo Banco S.A. a compravenda da súa rede en España, e con iso a entidade con sede en Galicia supera os 100.000 millóns de volume de negocio e incrementa o seu posicionamento en España, sobre todo en Madrid, segundo avanzan este luns fontes da entidade.

Esta compra é a sexta operación corporativa de Abanca desde 2014. Con ela reforzará o seu posicionamento en dous ámbitos de actividade: o primeiro deles, o negocio de banca persoal e privada, que desenvolveu nos últimos anos co seu Plan Estratéxico e as compras da rede de Deutsche Bank PCB en Portugal, a de Banco Caixa Geral en España e, máis recentemente coa adquisición de Bankoa; o segundo dos eixos que se verá reforzado coa compra da rede española de Novo Banco é o negocio de empresas, especialmente na operatoria fóra de balance e a actividade exterior.

Tras esta compra, Abanca terá un volume de activos de 71.338 millóns de euros e xestionará 42.368 millóns de crédito á clientela, 46.037 millóns de depósitos e 11.789 millóns en pasivo fóra de balance. Ademais, contará con 6.312 empregados e 745 oficinas.

Novo Banco España achega un volume de negocio de 4.287 millóns, dispón de dez oficinas situadas en ámbitos urbanos con especialidade en banca persoal, privada, de empresas, corporativa e institucional, e conta cun persoal formado por 172 empregados e unha rede de 102 axentes financeiros especializados.

A operación que se pechou queda suxeita á obtención das autorizacións regulatorias correspondentes e á realización do proceso de integración. Desde 2014, Abanca integrou o Banco Etcheverría; en 2017 comprou Popular Servizos Financeiros; en 2018, adquiriu Deutsche Bank PCB e Banco Caixa Geral, e en 2020 comprou Bankoa, cuxo proceso de integración finalizará durante o cuarto trimestre de 2021.