CRTVG

Buscar

A xustiza tomba o toque de queda en Euskadi e aválao nas Baleares e na Comunidade Valenciana

Publicado o 07/05/2021 19:51

Sen o amparo do estado de alarma a partir do día 9, as comunidades preparan a súa folla de ruta. Con medidas que entran dentro das súas competencias, e con outras que a partir de agora teñen que autorizar os tribunais de xustiza de cada autonomía. Entre elas, o toque de queda, que pediron manter cinco autonomías.

De momento a xustiza opúxose a el en Euskadi. Non lle permite ao goberno autonómico manter nin o toque de recollida nin os peches perimetrais. "Resulta moi difícil de entendera para a sociedade que nunhas comunidades se permitan unhas restricións e noutras non", lamenta Íñigo Urkullu.

Porque a xustiza si que refrendou todas as restricións que propuxeron o goberno balear e o valenciano. Incluído nos dous casos o toque de queda e a limitación de reunións. "Para nós é moi satisfactorio que a xustiza, como xa fixo noutras ocasións, refrende as nosas medidas",  salienta Tximo Puig, presidente da Comunidade Valenciana

O Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña tamén avalou as restricións propostas pola Generalitat, que non impón toque de recollida, pero si a limitación de reunións a seis persoas e o 50% de ocupación en actos relixiosos.

O Goberno insiste en que as comunidades teñen que camiñar por libre e pídelles lealdade institucional."Hai que ir movendo este país para saír disto. E todos temos que ser responsables, e non facer de cada cousa un debate espúreo e banal da política", defende Carmen Calvo, vicepresidenta primeira do Goberno,

Desde o Executivo animan as autonomías a recorrer ao Tribunal Supremo se o cren necesario para unificar doutrina en toda España.