CRTVG

Buscar

A xustiza rusa imponlle a Navalni 30 días de prisión preventiva

Publicado o 18/01/2021 17:31
A xustiza rusa imponlle a Navalni 30 días de prisión preventiva

O líder opositor ruso Alexéi Navalni recibiu hoxe 30 días de prisión preventiva durante unha vista xudicial celebrada nas dependencias da policía nos arredores de Moscova onde se atopa desde que foi detido onte á noite ao seu regreso de Alemaña.

"Impuxéronme 30 días de prisión preventiva, ata o 15 de febreiro de 2021", escribiu Navalni na súa conta de Twitter desde a mesma sala.

Navalni, que volveu ao seu país despois de ser envelenado en agosto de 2020 co axente químico Novichok, podería ser condenado a varios anos de cárcere nun próximo xuízo por non comparecer ante a autoridade por un antigo caso penal.

O opositor acusa o presidente ruso, Vladimir Putin, de ordenar primeiro o seu asasinato e despois de "fabricar" casos penais para restrinxir a súa actividades política. Os avogados do opositor xa adiantaron que recorrerán o ditame, que tacharon de "absolutamente ilegal", mentres varias decenas dos seus partidarios esixían a súa liberación nas inmediacións da comisaría. "Isto é o grao máximo da ilegalidade", dixo Navalni ao comezo da vista nun vídeo colgado nas redes sociais.

Mentres, o seu portavoz, Kira Yarmish, denunciou: "Detivérono na fronteira, leváronllo en dirección descoñecida, non lle permitiron acceder ao seu avogado, o xuízo celebrouse na mesma comisaría e arrestárono por 30 días". "Isto non se pode chamar nin sequera parodia da arbitrariedade", agregou en Twitter.

O Servizo Federal Penal de Rusia, que emitiu en decembro pasado unha orde de busca e captura contra o opositor, dirixiuse aos tribunais para que convertan a pena suspendida de 3,5 anos que lle foi imposta a Navalni por unha real. En relación con esa condena, o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos deulle a razón a Navalni, que por ese motivo tamén foi inhabilitado como candidato ao Kremlin.

Os Estados Unidos e a Unión Europea (UE) esixiron a liberación inmediata do líder da oposición extraparlamentaria, mentres as organizacións de dereitos humanos Memorial e Amnistía Internacional declárano preso político.

Noticias web

18/01/2021