CRTVG

Buscar

A xustiza non ve causa de forza maior para atrasar as eleccións en Cataluña

Publicado o 01/02/2021 20:23

O máximo tribunal catalán admite que a pandemia afectará o voto o 14 de febreiro, pero que nada demostra que non vaia pasar o mesmo o 30 de maio, data preferida pola Generalitat e tombada polos xuíces. O tribunal di que as dificultades non son tan graves como para afectar a lexitimidade da votación e acusa o Govern de tomar unha decisión para a que non estaba lexitimado. Nunha declaración unitaria, os presos do procés cualificaron a decisión xudicial de chantaxe do Estado e reivindicaron a unidade do independentismo.

O ex-vicepresidente da Generalitat, Oriol Junqueras, asegurou que "necesitamos un goberno da Generalitat que defenda un proxecto de país inclusivo ao servizo da reconstrución social e da liberación nacional. Para avanzar cara a este horizonte común é indispensable seguir construíndo unha estratexia compartida".

A sentenza chega cos partidos xa en plena campaña. O candidato do PSC, Salvador Illa, declarouse este luns disposto a debater, pero non a pactar, co líder republicano Pere Aragonès: "Iso acepteino xa. Non teño ningún problema en debater con calquera que queira debater comigo. Claro que desboto un pacto con partidos independentistas".

Illa volveu defender un Goberno cos Comúns co apoio externo de Esquerra Republicana, algo que segundo o seu líder, Pere Aragonès, non vai ocorrer baixo ningún concepto.

Noticias web

01/02/2021