CRTVG

Buscar

O Alto Tribunal vasco rexeita restricións que si avala a xustiza en Valencia, Baleares ou Cataluña

Publicado o 07/05/2021 14:07
O Alto Tribunal vasco rexeita restricións que si avala a xustiza en Valencia, Baleares ou Cataluña
EFE

Os tribunais superiores de Baleares, a Comunidade Valenciana e Cataluña consideran xustificado manter o toque de queda ou limitar as reunións pola situación sanitaria, non así o do País Vasco, o único ata o de agora que estima que o ordenamento xurídico non permite ás autonomías acordar estas medidas fose do estado de alarma.

Os autos que avalan as restricións consideran que estas medidas sanitarias supoñen unha limitación e non unha suspensión dos dereitos fundamentais, e que están suficientemente xustificadas pola situación epidemiolóxica. A dous días da fin do estado de alarma, os gobernos autonómicos buscan o aval xudicial para manter algunha das restricións vixentes durante o estado de alarma -especialmente as que afectan á mobilidade- para manter a transmisión do coronavirus baixo control.

Pero como xa se intuía, nas últimas 24 horas déronse casos contraditorios con tribunais como os de Baleares e Comunidade Valenciana que avalaron medidas como o toque de queda mentres que os xuíces do País Vasco o rexeitaron. En Cataluña, a xustiza tamén deu luz verde á limitación das reunións.

En calquera caso, o Consello de Ministros aprobou o pasado día 4 un decreto que prevé a posibilidade de recorrer ante a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo para que unifique criterio sobre as medidas que limiten ou restrinxan dereitos fundamentais.