CRTVG

Buscar

A xustiza italiana decide se entrega a España a Puigdemont ou se queda libre

Publicado o 24/09/2021 08:29

O expresidente da Generalitat foi detido pola Policía Italiana de Fronteiras no aeroporto cando chegou a L'Alguer procedente de Bruxelas para participar nun acto institucional. O arresto responde á orde de detención e entrega cursada polo Tribunal Supremo hai case dous anos por un delito de sedición que nunca deixou de estar vixente, segundo fontes do propio Supremo. 

Esta mañá pasará a disposición dos xuíces italianos, que decidirán se poñelo en liberdade ou extraditalo a España. Puigdemont está sendo asistido por un equipo de letrados italianos e polo seu avogado, que considera fraudulenta a orde de detención. Di que non podía estar vixente e que así o garantiu o reino de España en resposta ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea, en xullo, cando resolveron retirarlle a inmunidade ao expresidente, argumentando, precisamente, que non había risco de detención. 

O Goberno emitiu un comunicado esta madrugada destacando que a detención responde a un procedemento xudicial en curso e que o político catalán debe responder dos seus actos ante os tribunais igual que calquera cidadán europeo. Dende Cataluña, o presidente da Generalitat Pere Aragonès expresou a súa enérxica condena pola detención e chama a frear o que considera unha persecución mediante a amnistía e a autodeterminación. 

As distintas formacións tamén reaccionaron nas redes sociais. En Unidas Podemos, o presidente do grupo Jaume Asens fala de detención incomprensible e ilegal.  Ciudadanos ve, en cambio, unha boa noticia e pide que Puigdemont responda polas súas accións en España. Na mesma liña, o líder de Vox tamén confía en que sexa extraditado, e o líder do PP Pablo Casado resalta que Sánchez debe comprometerse a respectar a setenza da xustiza sen indultos.  Puigdemont xa fora arrestado en Alemaña en 2018, e daquela rexeitaran a extradición. Quedara en liberdade baixo fianza de 75.000 euros. 

Noticias web

24/09/2021