CRTVG

Buscar

A xustiza avala os límites ás reunións en Galicia

Publicado o 23/07/2021 19:55

Idóneas, necesarias e proporcionadas. Con este triplo cualificativo, a xustiza autoriza a Xunta a prohibir as reunións de máis de 6 persoas non conviventes en interiores ou 10 en exteriores en calquera espazo público ou privado da comunidade. O Tribunal Superior de Xustiza tivo que pronunciarse porque se toca un dereito fundamental. Concluíu que non hai outros medios menos agresivos para atallar o incremento do virus e que as limitacións non teñen un impacto significativo no dereito de reunión. O mesmo vale para a prohibición de xuntanzaas nocturnas: estarán prohibidas desde as 3 da mañá en toda Galicia e desde a 1 nos 36 concellos coas maiores restricións. Neses mesmos lugares máis golpeados polo virus, tamén entran mañá en vigor outras restricións que non precisaban aval xudicial, como a solicitude de PCR, tests de antíxenos ou certificado de vacinación para acceder a nun local de hostalería, un motivo máis para animar os máis novos a acudiren aos cribados.

"Para ir a bares, restaurantes, para calquera interior que queiras entrar. Pero sobre todo por seguridade, creo que é necesario", conta un mozo. Moncho Varela, restaurador, di que "estamos expectantes. Eu creo que a xente si que ten gañas de saír, de apoiar o sector, de pasalo ben, pero todas as restricións son pedras no camiño para que poidan vir. Temos que pedir tests serolóxicos, certificados de vacinacion. Non sei como nos vai afectar todo isto neste momento".

A Xunta alivia o peche dos locais de ocio nocturno nos concellos con máis incidencia: agora, permitiráselles usar as terrazas ao 50% e ata a unha da mañá. Para algúns, non abonda, como para José Diz, empresario do ocio nocturno. Explica que "non abrimos porque temos o 50% da terraza. Economicamente non compensa. Temos 32 traballadores e, tristemente, temos que dar por rematada a tempada".

Todas as medidas estarán en vigor desde esta medianoite ata o sete de agosto.
 

Noticias web

23/07/2021