CRTVG

Buscar

A celebración do Día da Muller queda sen marchas en Madrid por mandato xudicial

Publicado o 07/03/2021 21:22

En Madrid non haberá manifestacións ou concentracións con amparo legal este 8M. A sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da comunidade ratifica a prohición acordada pola Delegación do Goberno. A sala entende que o dereito á manifestación e á reunión "entra en conflito con valores constitucionais como a saúde pública e, máis concretamente, a saúde, a integridade física e a vida das persoas", que deben prevalecer. Neste caso negan que exista discriminación de xénero.

Os maxistrados indican que "malia a relativa mellora dos datos epidemiolóxicos en Madrid, o risco segue sendo alto". Ademais, o tribunal considera que nos recursos non se ofrecen medidas "concretas e axeitadas" para manter a distancia social nos actos ou para evitar que agunhas persoas retiren as máscaras co fin de apoiar en voz alta os obxectivos da manifestación".

A decisión foi criticada polas organizacións que presentaron recursos. "A resolución do tribunal é inxusta, non axustada a dereito e limita arbitrariamente o dereito á reunión, que é un dereito fundamental", sinalou Rosario Carracedo, representante do Movemento Feminista de Madrid. Pola súa parte, Paloma Vega, secretaria de Organización de CCOO Madrid, manifestou: "Parécenos un símbolo de castigo, de castigo ao noso dereito lexítimo de reunión e de manifestación".

En total presentara nove recursos o movemento feminista e sindical contra a decisión do delegado do Goberno en Madrid.

Noticias web

07/03/2021