CRTVG

Buscar

A xustiza autoriza que se pida o certificado covid nos locais de lecer nocturno

Publicado o 01/10/2021 21:01

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta que se poida esixir o certificado covid-19 para acceder aos locais de lecer nocturno que abran ata as catro da mañá e conten con capacidade de ocupación do 75 %, en interior, e do 100 %, en exterior.

Os maxistrados din no auto que a medida está xustificada porque se aplicará en zonas en que aumenta o risco de transmisión do virus, pois se trata de "espazos pechados, onde se establecen contactos próximos e prolongados, con escasa renovación de aire, nalgúns casos, e realización de actividades nas cales é necesaria a retirada da máscara e de accións que ocasionan unha maior xeración de aerosois, como falar, en ocasións, cun ton de voz maior do normal ou cantar".

Ademais, di o TSXG nun comunicado, destacan que se trata de "espazos de socialización, que favorecen a relaxación da atención necesaria para manter as medidas individuais de prevención -uso de máscara e mantemento da distancia de seguridade-, ao que pode contribuír o consumo de alcol".

Por outra banda, indican que o plan elaborado pola Xunta para o lecer nocturno establece dous niveis, con diferentes requisitos, aos que se poden acoller os locais, de maneira que ningún establecemento se verá obrigado a pedir o certificado, pois só deberán requirilo aqueles "favorecidos por unha ampliación de capacidade e de horario".

"Non se pode falar dun sacrificio desproporcionado cando a exhibición do certificado se esixe para o desenvolvemento dunha actividade de lecer onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria para calquera persoa e onde a medida cumpre unha función que non só é a de evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos", subliña a sección terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG, á vez que recalca que a medida pretende "evitar ou limitar a  transmisión da infección, truncar a propagación da covid-19 e interromper a cadea de contaxios".

Así, lembra que é unha "evidencia científica" que a transmisión do virus entre os vacinados é "moito menor á dos non vacinados". Os maxistrados, polo tanto, entenden que a medida é idónea.

O TSXG tamén destaca que a presentación do certificado cumpre o requisito da temporalidade esixido polo Tribunal Supremo, pois entrará en vigor desde as 00:00 horas do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata ás 00:00 horas do 23 de outubro.

En canto a limitación xeográfica, o feito de que a implantación da medida non se limite por territorios ou zonas xeográficas e se aplique a toda Galicia, non impide, segundo a Sala, considerar a medida "proporcionada, necesaria e idónea". Así, subliña que toda a documentación achegada pola Xunta "pon de manifesto que a situación epidemiolóxica actual é diferente á de hai un mes".

Os xuíces tamén se refiren ao "contexto estacional" en que nos atopamos, pois advirten que a tempada de inverno limitará o uso de terrazas e espazos ao aire libre. "As actividades nos locais deberán desenvolverse no seu interior, o que reforza a necesidade de arbitrar mecanismos de control de acceso de persoas nos establecementos que pretendan incrementan os niveis de ocupación e capacidade".

O TSXG sinala na resolución que acolle o criterio do Tribunal Supremo, que considera que a exhibición de determinada documentación para o acceso ao interior dalgúns establecementos en que se produce unha gran afluencia de persoas resulta "adecuada e acorde coas esixencias derivadas de protección da saúde, porque se refire a locais onde a entrada é voluntaria e onde non se realizan actividades esenciais, ás que se teña obriga de acudir".

Noticias web

01/10/2021