CRTVG

Buscar

A Xustiza autoriza que a Xunta limite as reunións ao dispararse a transmisión do virus

Publicado o 23/07/2021 20:04

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza á Xunta limitar, en toda a comunidade autónoma, o número de persoas que se poden reunir en espazos públicos ou privados -seis, en interiores; e dez, en exteriores-, así como prohibir encontros con non conviventes de madrugada.

Os maxistrados, segundo un comunicado do TSXG, entenden que as medidas incluídas na orde, que entrará en vigor esta medianoite e se manterá ata o 7 de agosto, son "idóneas, necesarias e proporcionadas" para conter a expansión da covid-19, cuxa transmisión se incrementou nas últimas dúas semanas, do mesmo xeito que as hospitalizacións.

A Sala considera que o Goberno galego xustificou a existencia dun perigo para a saúde da poboación, que se pode ver agravado se esas medidas non se adoptan, así como que carece doutros medios menos agresivos para afrontalo.

Ademais, destaca que as medidas "responden a unha situación clara de incremento do virus" e asegura que "non teñen un impacto significativo no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado en maior medida polos mozos, máis proclives ao contacto social".

Os xuíces tiveron en conta, asegura o comunicado, un informe conxunto elaborado pola subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía e por unha experta universitaria en vacinas, o cal ampara as medidas debido "á evolución negativa da situación epidemiolóxica e sanitaria" da comunidade.

Todas as medidas estarán en vigor desde a medianoite do sábado24 de xullo ata o sete de agosto.

Ademais deste documento técnico, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG examinou os gráficos que mostran a evolución dos contaxios en cada municipio nas dúas últimas semanas, os cales revelan "un preocupante incremento na transmisión da infección" e a existencia "dunha porcentaxe de positividade progresivo".

Así, indican que, na primeira semana, a incidencia acumulada se situou en 278 casos por cada 100.000 habitantes, para pasar, no seguintes sete días, a 418. "A desagregación deses datos realízase por áreas sanitarias, con moi diferentes resultados, pero todos eles en progresión cara a unha situación de incremento na positividade do virus, que ten maior incidencia nas áreas de Ourense e Pontevedra", destaca a Sala.

Os datos do informe tamén reflicten, segundo os xuíces, "o incremento das hospitalizacións e dos ingresos nas unidades de críticos", así como a situación epidemiolóxica de todos os municipios e as súas comarcas. As de maior incidencia negativa, segundo o auto, localízanse en Vigo, Pontevedra, O Baixo Miño, Valdeorras, Ourense, O Carballiño, A Mariña -oriental, central e occidental-, Terra de Melide e Barbanza. Nos 36 municipios con maior incidencia, a limitación de reunións a só conviventes comeza á unha da mañá, en lugar de ás tres.

"Con todo, eses datos téñense que ponderar con outros factores, como os demográficos ou os gromos ou repuntes descontrolados, que ao final se tiveron en conta para propoñer as limitacións de agrupamentos, en xeral, e os máis limitados, nos 36 municipios que presentan unhas incidencias máis adversas, todos os cales foron obxecto dun tratamento singular no informe técnico", explican os xuíces no auto, contra o que cabe presentar recurso ante o Tribunal Supremo.

Noticias web

23/07/2021