CRTVG

Buscar

A xustiza autoriza a pedir certificado covid para permitir aos albergues ampliar capacidade

Publicado o 08/10/2021 14:25
A xustiza autoriza a pedir certificado covid para permitir aos albergues ampliar capacidade
EFE

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizou a Xunta a pedir o certificado covid-19, que xa se usa para o lecer nocturno, tamén nos albergues turísticos que amplíen a súa ocupación ata o 75 % nos espazos de aloxamento compartido.

A sección terceira da Sala do contencioso-administrativo entende que esta medida preventiva de seguridade sanitaria está "xustificada" e é "proporcionada, necesaria e idónea", segundo informa o TSXG, xa que permite niveis maiores de ocupación con seguridade sanitaria e ningún establecemento estará obrigado a pedir este certificado, só os que queiran superar a ocuación do 50 % establecido.

A Xunta xa acaba de publicar a orde, con data do 6 de outubro, que contén esta medida -unha vez que conseguiu previamente o aval do TSXG imprescindible para poder implantar este requisito- que entrará en vigor ás 00.00 de mañá xunto co resto de ampliacións de capacidade decididas tras a reunión do comité clínico do luns.

Os maxistrados sinalan que a Xunta explica na orde que nos albergues comparten cuarto "persoas sen relación entre si e que poden proceder de diferentes lugares e países", con diferentes taxas de vacinación, polo que considera preciso "establecer medidas adicionais".

Ademais, consideran que "non se pode falar dun sacrificio desproporcionado cando a exhibición do certificado se esixe para o desenvolvemento dunha actividade de aloxamento onde a entrada ou o acceso ao establecemento é voluntaria para calquera persoa e onde a medida cumpre unha función que non só é a de evitar contaxios, senón tamén minimizar os riscos".

O TSXG tamén recalca que non consta outra "medida alternativa e menos gravosa para garantir a seguridade sanitaria neste tipo de establecementos na situación de emerxencia sanitaria en que aínda nos atopamos".

En todo caso, contra a resolución cabe presentar recurso de  casación ante o Tribunal Supremo, lembra o Alto Tribunal galego.

Noticias web

08/10/2021