CRTVG

Buscar

A xustiza arxentina arquiva a acusación de fraude contra Cristina Fernández

Publicado o 13/04/2021 20:55
A xustiza arxentina arquiva a acusación de fraude contra Cristina Fernández

Un tribunal de casación arquivou este martes a causa coñecida como Dólar futuro contra a vicepresidenta arxentina Cristina Fernández, a primeira en que foi procesada e na que era acusada de administración fraudulenta por presuntas irregularidades do Banco Central (BCRA) durante o seu mandato presidencial (2007-2015).

Fontes da defensa da líder do peronismo kirchnerista confirmaron a Efe a decisión ditada pola Cámara Federal de Casación Penal, que se produce pouco máis dun mes despois de que Fernández responsabilizase á Xustiza, nun duro discurso ante os xuíces, de contribuír á crise que sofre o país e de seguir encabezando unha persecución contra ela. O tribunal considerou que hai "inexistencia de delito" e por iso desligou tamén da causa aos outros imputados, entre eles o exministro de Economía, Áxel Kicillof, actual gobernador da provincia de Buenos Aires, e o expresidente do Banco Central Alejandro Vanoli. 

Na causa en que Fernández e o resto de acusados foron procesados en maio de 2016 investigábanse presuntas irregularidades na emisión, por parte do Banco Central, de contratos de futuros de dólar na recta final do seu mandato, que supostamente derivaron en perdas millonarias para o Estado. O xuíz Claudio Bonadio, falecido por un cancro en febreiro de 2020, sinalara que o BCRA pactou vender dólares por baixo do prezo establecido na Bolsa de Nova York para ese tipo de operacións, o que segundo o maxistrado, que elevou a causa a xuízo en 2017 pero aínda non comezou, ocasionaría grandes perdas á entidade. 

A expresidenta, que está procesada noutras causas por corrupción e insiste en que é vítima dunha persecución xudicial impulsada polo anterior presidente, Mauricio Macri, reiterou nunha comparecencia ante os xuíces o 4 de marzo pasado que esas operacións se fixeron dentro da normativa e non xeraron prexuízo, e que, pola contra, os que tiveron ganancias polos contratos foron Macri e a súa contorna.