CRTVG

Buscar

A xustiza absolve a Ángel Hernández, o home que axudou a morrer a súa muller

Publicado o 06/07/2021 11:33
A xustiza absolve a Ángel Hernández, o home que axudou a morrer a súa muller

O Xulgado do Penal número 34 de Madrid absolveu a Ángel Hernández, o home que axudou a morrer a súa esposa María José Carrasco, enferma terminal de esclerose múltiple, en Madrid en 2019. A Fiscalía retirou a súa acusación tras entrar en vigor a Lei de Eutanasia. “Ao retirarse a única acusación acudida nas actuacións, de acordo coa doutrina, procede ditar sentenza absolutoria respecto do acusado, con todos os pronunciamentos favorables", sinala a resolución, que o absolve dun delito de cooperación ao suicidio.

O Ministerio Público xa anunciara previamente que non se opoñería ao indulto se Hernández fose condenado. Acaba así o proceso xudicial que se iniciou tras a morte de María José Carrasco o 3 de abril de 2019 no seu domicilio madrileño. Cumpriuse o desexo "constante" que tiña de acabar coa súa vida debido á esclerose múltiple que padecía desde había 30 anos, segundo relataba o escrito da Fiscalía.

Ángel Hernández vertera nun vaso un medicamento mortal e achegoullo á súa muller, que o inxeriu e faleceu aos dez minutos. O momento fora gravado polo home, que lle preguntou varias veces se o quería tomar.

Noticias web

06/07/2021