CRTVG

Buscar

Vacinas e corentenas obrigatorias, infraccións e sancións: así será a lei de saúde de Galicia

Publicado o 29/10/2020 14:00

A Xunta modificará a lei de saúde de Galicia para poder afrontar a pandemia. A reforma, que espera que se poida aprobar nas próximas semanas no Parlamento, incluirá multas por faltas que poden chegar ata os 600.000 euros as moi graves.

Segundo explicou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na conferencia de prensa tras o  Consello de Goberno, trátase de contar cunha lei que ofreza "maior seguridade xurídica" ante o "baleiro legal" do Goberno central, que recorreu ao estado de alarma e non a unha reforma da Lei Orgánica de Saúde. "Imos modificar esta lei para que polo menos en Galicia poidamos xestionar a pandemia con maior seguridade e con independencia do que decida o Goberno do estado de alarma ou de excepción", manifestou o máximo mandatario autonómico, que considerou necesario dotarse dunha "lei adecuada" e "non estar nun sobresalto permanente" como o que, na súa opinión, se viviu durante os últimos meses.

En función da futura normativa, as autoridades sanitarias galegas poderán decretar o peche de establecementos, medidas de hixiene ou prohibición de consumo na rúa. "O botellón acabouse en Galicia", afirmou Feijóo. 

Entre outras cuestións, o texto, que será presentado na cámara galega polo Grupo Parlamentario Popular en forma de proposición de lei, incluirá medidas preventivas e as limitacións que se poden adoptar para facer fronte ao virus, como aquelas restricións que afecten a dereitos fundamentais. 

A futura norma considerará 30 supostos obxecto de sanción, unhas multas que serán de 100 euros en caso de non facerse uso da máscara. Ademais, outras condutas, como o incumprimento dos illamentos ou a celebración de festas, poderán ser sancionadas con entre 3.000 e 600.000 euros, segundo a gravidade da acción.   

"Entendemos que con este texto as autoridades si que teñen competencias para obrigar a facer corentena e a illarse en caso de contacto estreito", explicou Feijóo, que precisou que se as autoridades europeas consideran que a vacina é "obrigatoria" o texto tamén permitiría a obrigatoriedade para vacinar, pero tamén para someterse a tests ou cribados, confinamentos de zonas e outras restricións.