CRTVG

Buscar

A Xunta vai defender o seu plan de marisqueo ata as "últimas instancias"

Publicado o 08/06/2021 12:44

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, anunciou que a Xunta emprenderá as accións precisas para defender "ata as últimas instancias" o seu Plan xeral de explotación marisqueira e acusa o Goberno de "inxerencia" nas competencias exclusivas da comunidade autónoma.

Nunha comparecencia no pleno do Parlamento, cargou contra a actitude do Ministerio de Transición Ecolóxica por presentar un recurso contencioso-administrativo contra a norma galega, deseñada para o período 2021-2023. Antes, enviáralle un requirimento previo por carecer  dun informe, con carácter preceptivo e vinculante, da Dirección Xeral da Costa e do Mar.

Quintana cuestionou que sexa necesario un informe sobre ocupación do dominio público marítimo-terrestre, cando "non o foi nos últimos 29 anos", porque "non se outorgan zonas de explotación marisqueira, en réxime de concesión ou autorización. O único que fai e establecer unhas normas para a explotación dos recursos en zonas naturais".

Ao seu entender, non se trata só “dun papeliño”, como lle dixo o PSdeG, senón dunha "renuncia expresa" ás competencias exclusivas de Galicia en materia de  marisqueo. "Non o vou facer", aseverou.

Ademais, advertiu de que o recurso e a posible anulación ou suspensión do plan, que engloba un total de 94 programas de xestión para definir a actividade das distintas confrarías, "pon en risco" o futuro de sector e criticou o Goberno por iniciar unha "guerra" que afectará 8.700 persoas que viven desta actividade.

"Unha guerra que non é do Goberno central contra o Goberno galego, senón do Goberno central contra o sector do mar galego. Como di o noso himno: Non nos entenden, non", concluíu.

Noticias web

08/06/2021