CRTVG

Buscar

Educación amplía de urxencia as oposicións de FP con 240 prazas máis

Publicado o 12/12/2020 15:22

• Os postos son do corpo de profesores técnicos

• Os exames serán en 2021

 

Logo da xuntanza deste venres da mesa de seguimento da estabilización dos interinos, o conselleiro de Educación anunciaba a convocatoria inmediata do proceso selectivo destinado a profesores técnicos de Formación Profesional. Farase como unha ampliación da oferta do 2020 e os exames serán no 2021.

"Estamos incrementando a oferta do 2020 e poderemos contar con 240 prazas de profesores técnicos da FP máis, que coas que xa hai convocadas van dar arredor de 500 prazas, o que nos permite dar estabilidade a un colectivo fundamental para unha FP de éxito conectada co mundo laboral", di Román Rodríguez, conselleiro de Educación.

Segundo Educación, hai uns 850 profesores técnicos interinos. Son profesionais de diferentes sectores que imparten clases de formación profesional.

Román Rodrígez afirma: "Fronte á  proposta da lei Celaá que pretende que este corpo sexa un corpo a extinguir, dende a Xunta de Galicia apostamos por dar estabilidade a este profesorado".

O conselleiro mantén que esta convocatoria se adianta a solventar un problema que -asegura- vai provocar a nova lei de educación. Román Rodriguez criticou tamén que a lei Celaá se aprobe de xeito definitivo o mesmo día que os Orzamentos do Estado.

 

Noticias web

12/12/2020