CRTVG

Buscar

A Xunta vai bonificar a recollida de residuos no mar

Publicado o 04/02/2020 15:20

É a primeira vez que se convocan estas axudas para proxectos colectivos que protexan e recuperen a biodiversidade e os ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no mar.

As achegas, cun orzamento de medio millón de euros para 2020 e 2021, prevén compensacións para as embarcacións de artes menores e mariscadores a pé que participen na extracción de lixo.

Rosa Quintana, conselleira do Mar: "Cando a recollida é activa, pode financiarse o día de traballo. Clasificaremos todo o lixo que chegue ao porto. Haberá colectores para o tratamento dese lixo. En definitiva, colaborar co sector, como vimos facendo, na defensa do medio".

A conselleira do Mar anunciou na Illa de Arousa a convocatoria inminente destas axudas. Tamén avanzou que nestes días se publicará outra orde de subvencións para proxectos de rexeneración de bancos marisqueiros con problemas de perda de produción no último ano. Unha axuda que valoran no sector.

Juan José Rial Millán, patrón maior da Illa de Arousa: "Rexenerar as zonas é fundamental porque nós temos moitas zonas que se perderon e hai que facelas produtivas. Non coas que temos xa nos chega, senón que o terreo que temos hai que facelo produtivo".

Estas achegas contan cun orzamento de 300.000 euros para este ano e complementan as destinadas á rexeneración dos bancos marisqueiros que se convocan todos os anos.

Noticias web

04/02/2020