CRTVG

Buscar

A Xunta trasládalle a Ribera o rexeitamento á inclusión do lobo como especie protexida

Publicado o 15/02/2021 21:11
A Xunta trasládalle a Ribera o rexeitamento á inclusión do lobo como especie protexida

As comunidades autónomas con máis presenza do lobo ibérico, Galicia, Castela e León, Asturias e Cantabria, pediron á vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Teresa Ribera que suspenda a nova catalogación deste cánido como especie non cinexética ao norte do Douro.

Así coincidiron os catro conselleiros de Medio Ambiente durante un encontro telemático mantido este luns coa ministra Ribera, tras a decisión de incluír o lobo na listaxe de especies protexidas, que é rexeitada por estas comunidades autónomas, ao considerar que aumentarán os ataques á gandería nos seus territorios.

As catro argumentaron razóns "políticas, técnicas e xurídicas" para soster os prexuízos que provocaría este cambio de status nos territorios en que habita, especialmente á gandería e aos seus núcleos rurais. Ademais, tamén pediron ao Goberno que sente nunha mesma mesa para traballar sobre a "actualización" da estratexia nacional de xestión e protección de lobo aprobada en 2005 en conferencia sectorial, que debe ser a base para tomar calquera tipo de medida.

Este encontro prodúcese dez días despois de que a Comisión Estatal de Patrimonio Natural e da Biodiversidade, integrada por comunidades autónomas e o Goberno, decidise, co voto de calidade do Ministerio, dar o visto e prace á inclusión do lobo na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE).

Esa decisión provocou reaccións a favor e en contra, principalmente entre ecoloxistas, que ven unha forma de defender a biodiversidade, e gandeiros, que cren que unha maior protección incrementará a poboación destes cánidos e, en consecuencia, os ataques aos seus animais.

Durante a reunión, Ribera pediu aos conselleiros "traballar coordinadamente para poñer en marcha acciones que contribúan a reducir os danos na cabana gandeira" e a minorar "a mortalidade do lobo ibérico e asegurar dese modo a súa conservación a longo prazo".

A titular de Medio Ambiente solicitoulles que "identifiquen os problemas que xera este cambio de status legal da especie para contribuír a buscar solucións", sinala o Ministerio nun comunicado. No MITECO, consideran que "a homoxeneización do status legal do lobo en toda España pode contribuír a superar moitos dos problemas que actualmente afectan á conservación e xestión da especie, especialmente pola disparidade nos modelos de xestión desde as diferentes comunidades autónomas, a alta incidencia de danos e a conflitividade que existe ao redor da xestión desta especie".

Ribera mostrou a súa dispoñibilidade para seguir traballando coas autonomías e sectores na realización dun novo censo, a actualización da estratexia de conservación e xestión do lobo e na análise dos diferentes procesos administrativos que afectan á especie. A ministra defendeu que “os gandeiros non poden soster sobre as súas costas os custos dun patrimonio natural común, que neste caso é o lobo, polo que é necesario dotar o sector de recursos suficientes e dun marco de seguridade xurídica, que só podemos conseguir cunha estrutura equiparable en todas as comunidades”.

Neste sentido, durante a reunión tamén se lembrou o marco de protección da especie que rexe en case todos os países da Unión Europea.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda de Galicia Ángeles Vázquez esixiu ao Goberno que reconsidere a súa decisión de dar protección ao lobo ibérico e así llo trasladou á vicepresidenta Ribera, coa que o propio presidente galego Alberto Núñez Feijóo manterá unha reunión o vindeiro xoves. 

Noticias web

15/02/2021