CRTVG

Buscar

A Xunta traslada as demandas do sector turístico galego ao Goberno

Publicado o 30/09/2020 15:20

E hoxe houbo xuntanza sectorial de Turismo. Coa vista posta no Xacobeo, Galicia pediu concreción sobre o apoio do Goberno a este evento. Tamén lle trasladou as demandas do sector. Piden unha rebaixa do IVE ao 4% para as actividades turísticas e a ampliación dos ERTE ata despois de Semana Santa.  

Rematado o verán, o sector turístico galego afronta meses complicados. "A pesar de que vai ser un ano santo e que tiñamos moitísimas expectativas, as reservas non din o mesmo. Haberá que agardar a que isto se tranquilice un pouco ou a que haxa unha vacina...", di a presidenta da hostalería de Compsotela. 

E na espera, desde EXCELTUR propoñen seguir apostando polo turismo nacional "mesmo nalgún sitio como Galicia, onde o Camiño de Santiago é un centro de atractivo de turistas estranxeiros, pode verse diminuído. Polo tanto, hai que confiar no turismo español, temos que incentivar o turismo español", mantén o vicepresidente José Luis Zoreda.

Estimulalo, din, con campañas institucionais e a mensaxe que deixa o director do Hostal Reis Católicos: "Garantir ao máximo que a a xente vai estar nunhas condicións sanitarias, as mellores posibles, para que poidan estar nos establecementos sen ningún tipo de contaxio", di Santiago Carrera.

O sector reclama seguir protexido polos ERTE ata despois de Semana Santa, e unha baixada do IVE... Así llo trasladou o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo. 

"Que o IVE de todas as actividades turísiticas teña unha redución substancial e pase ao 4%, aínda que sexa de xeito temporal. A baixada na recadación que isto podería supoñer tería un consumo moito maior", explicou Alfonso Rueda.

E, canda outras comunidades polas que pasa o Camiño, a Xunta pediulle ao Goberno que concrete o seu apoio ao próximo ano xacobeo.


 

Noticias web

30/09/2020