CRTVG

Buscar

A Xunta suspende as saídas para os residentes en centros de atención á discapacidade

Publicado o 22/01/2021 16:55
A Xunta suspende as saídas para os residentes en centros de atención á discapacidade

A Xunta suspendeu todas as saídas para os residentes nos centros de atención á disacapacidade de Galicia ante o empeoramento da evolución da pandemia, o que afecta tanto as da de fin de semana como aquelas que non implicaban pernoita fóra das instalacións e que se viñan realizando o resto da semana.

Nun comunicado, a Consellería de Política Social apunta que a medida será revisada unha vez conclúa o proceso de vacinación nas residencias e a inmunidade de usuarios e traballadores estea garantida. Así mesmo, o réxime de visitas nestes centros manterase limitado a unha á semana por cada persona de referencia cunha duración máxima dunha hora.

Nestes momentos, os centros de atención á discapacidade contabilizan un total de 72 casos de covid-19 entre usuarios e outros 29 entre traballadores. A maior parte dos contaxios están focalizados en dous centros: o Pai Menni de Betanzos, con 41 usuarios infectados e 14 positivos no seu cadro de empregados; e Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey de Crecente, con 29 casos nos seus residentes e seis entre os seus traballadores.

Tamén hai casos de covid-19 entre os usuarios da residencia de Bergondo e na DomusVi de Bóveda.