A Xunta súmase á demanda polo pazo de Meirás
• Inícianse os trámites para incorporarse ao proceso aberto polo Goberno
• Feijóo confirma as Medallas de Ouro de Galicia
• A Xunta presenta a Lei de Acción Exterior e a nova Axenda da Industria 4.0
A Xunta súmase á guerra contra a familia Franco pola propiedade de Meirás. Hoxe mesmo vaino aprobar no consello semanal. Deste xeito, fai forza co Estado para que anule a doazón a Franco do ano 38 e tamén o contrato de compravenda que ten a familia, por consideralo fraudulento. Lembramos que o Goberno presentou a demanda o pasado 10 de xullo e esta mesma semana un xulgado da Coruña admitía a trámite a reclamación, ao tempo que paralizaba a venda do inmoble como medida cautelar.
O Consello da Xunta inicia hoxe mesmo os trámites para que os servizos xurídicos comparezan no proceso civil que iniciou o Goberno do Estado para recuperar o pazo de Meirás. Con esta decisión, a Xunta dá cumprimento á proposición non de lei aprobada en setembro pasado no Parlamento galego. Pedíase que a Administración do Estado iniciara as accións oportunas para reintegrar o pazo ao patrimonio público.
Medallas de Ouro
Tal e como adiantara hai uns días, Feijóo confirmou que a Xunta decidiu concederlles a Medalla de Galicia, a máxima distinción do país, ao ex-presidente do Principado de Asturias, Javier Fernández, e ao ex-presidente da Junta de Castela e León Juan Vicente Herrera. Son merecedores deste recoñecemento, explica, por apostar por un noroeste que defende os seus intereses dentro dos intereses de España.