CRTVG

Buscar

A Xunta sitúa nun terzo a ocupación máxima nos lugares de culto dos 60 concellos con máis restricións

Publicado o 10/11/2020 17:24
A Xunta sitúa nun terzo a ocupación máxima nos lugares de culto dos 60 concellos con máis restricións

A Xunta sitúa nun terzo a ocupación máxima dos lugares de culto nos 60 concellos nos que están en vigor medidas máis restritivas para facer fronte á segunda onda de contaxios da covid-19, coma as sete cidades e a súa área perimetral. En concreto, nun decreto publicado o pasado 4 de novembro, a Administración autonómica establera que nestas localidades o límite máximo de persoas nos lugares de culto sería de 25. Pola súa banda, nos 253 municipios restantes o máximo era de 50.

Agora a Xunta modifica este punto e elimina a medida consistente no establecemento dun límite máximo de asistentes. Segundo o novo decreto, o máximo quedará fixado nun terzo da ocupación para os 60 concellos con máis restricións e dun 50 por cento para o resto.

A Administración autonómica actualiza estas medidas ao considerar que "os lugares de culto" son "seguros en relación coa transmisión" do SARS-CoV-2" e lembra que, tras unha investigación epidemiolóxica, "non se detectou ningún gromo que puidese identificarse como orixe nun lugar de culto".

Así, sinala que, a pesar de tratarse de espazos interiores, "a permanencia neles é dun tempo limitado". "As persoas non interactúan entre si, manteñen a distancia de seguridade en todo momento e utilizan a máscara de forma sistemática, salvo en momentos puntuais", apunta. Por iso, considera que "non existe inconveniente" desde o punto de vista epidemiolóxico en eliminar a medida consistente no establecemento dun límite máximo de asistentes e manter que en Galicia a asistencia aos lugares de culto "non poderá superar o 50%" nos 253 concellos con menores limitacións e dun terzo no resto.