A Xunta saca adiante os orzamentos sen alcanzar consenso coa oposición
Galicia conta xa con Orzamentos, só 4 meses despois de constituírse o novo Goberno logo das eleccións. As contas, as máis altas da nosa autonomía, saíron adiante só cos votos do grupo popular.
O grupo maioritario fixo valer os seus votos para que Galicia teña orzamentos este ano. Son os máis altos desque temos autonomía: 11.563 millóns de euros. Un 14 por cento máis altos ca o ano pasado. O que buscan, segundo o Goberno: recursos para loitar contra a pandemia, reactivar Galicia económica e socialmente e axudar as familias, traballadores e empresas.
Non haberá suba de impostos e as partidas máis grandes serán as de sanidade, educación e servizos sociais. A oposición votou en contra duns Orzamentos que considera insuficientes dada a situación que estamos a vivir.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, como o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, pediron ao Goberno galego un cambio de actitude e negociar orzamentos, pero o PPdeG descartou unhas emendas que "non son aceptables" porque algunhas van "en contra do sentido común e a evidencia económica", segundo o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy.
En total, había para este debate 1.176 emendas parciais pendentes dos grupos da oposición e ningunha foi aprobada despois de ser aceptadas, no trámite anterior en comisión, só cinco do PSdeG e outras dúas transaccionadas con este partido e o BNG.
Neste primeiro pleno do ano, ademais dos Orzamentos, hanse aprobar dúas leis que se están a debater agora mesmo no pleno: unha de impulso demográfico, a primeira deste tipo que se impulsa en España, e a de recuperación da terra agraria.