A Xunta cifra en 374 millóns de euros as axudas aprobadas pola crise da covid-19
O Consello da Xunta estudou hoxe o grao de pagamento que levan as axudas destinadas a 120.000 persoas, repartidas entre autónomos, hostaleiros e familias con dificultades. Foron 374 millóns de euros dos que xa se fixeron efectivos en mans dos receptores o 68%, nunca tan axiña se pagara axuda ningunha na Administración galega.
Balance neste último Consello do ano das axudas que puxo en marcha a Xunta nos últimos meses para apoiar empresas, autónomos, entidades e particulares, e que cifran en 374 millóns de euros. Calculan que beneficiaron 120.000 persoas e Feijóo destaca entre todas as iniciativas o plan de rescate de 82 millóns para autónomos e hostalería.
"Nesta semana en que estamos chegarase a pagar o 70 % das solicitudes recibidas e ao longo do mes de xaneiro está previsto que se abone o resto de peticións que cumpran os requisitos", aseguraba Feijóo. "O día 28 de decembro aínda finalizaba o prazo de presentación das axudas. Nunca unha orde se pagou de forma máis rápida que esta orde da hostalería e os autónomos".
Dende que se publicaron, recibiron máis de 40.000 solicitudes, das cales pagaron ata hoxe, di o presidente, o 68 % delas por un importe de 53 millóns de euros.