A Xunta recomenda que as xuntanzas privadas non superen as 25 persoas

Galicia recomenda que a partir de mañá, martes, as reunións en espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado, non superen as 25 persoas.
A Xunta de Galicia publicou este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) unha nova actualización das instrucións sanitarias -que entra en vigor mañá- para intentar atallar brotes de COVID-19.
Deste xeito, o Goberno galego recorda que "nos espazos privados, abertos ou pechados, de uso privado" recoméndase o uso de máscara no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene.
"Así mesmo, recoméndase limitar o número de asistentes aos mínimos posibles e que, en todo caso, non superen as 25 persoas", indica o boletín.
A Xunta asegura que as semanas transcorridas desde a finalización do estado de alarma están "poñendo de evidencia a alta frecuencia de brotes xerados en celebracións e reunións en espazos privados".
A orde publicada este luns insiste en que na situación producida pola actual pandemia, "o prudente é reducir os contactos con persoas non conviventes, contactos que actúan como factor multiplicador de risco de contaxio".
Ademais desta nova recomendación, está previsto que o Goberno galego publique mañá, martes, os lugares de procedencia das persoas que deberán notificar o seu datos de contacto ás autoridades sanitarias na súa visita a Galicia.
Este luns a cifra de contaxios por coronavirus en Galicia segue á alza, por cuarta xornada consecutiva, con 16 novos casos activos máis contabilizados nas últimas horas, o que eleva o total a 233, segundo os últimos datos facilitados polas autoridades sanitarias.