CRTVG

Buscar

A Xunta reclama que as comunidades poidan xestionar directamente o 50 % dos fondos europeos para a recuperación

Publicado o 01/08/2021 15:12

O vicepresidente económico da Xunta facía hoxe un repaso sobre diversos aspectos de actualidade na economía galega. En relación cos fondos europeos Next Generation, Francisco Conde reclama xestión real para as comunidades autónomas nun plano de cogobernanza co executivo de Sánchez. Rexeita ademais as negociacións bilaterais sobre esas partidas, como sucede con Cataluña.

"Nós o que lle estamos a reclamar ao Goberno é que realmente as comunidades autónomas poidan xestionar directamente o 50 % dos fondos europeos. Iso significa que as comunidades autónomas non podemos ser simples axencias mandatadas por parte do Goberno", declaroou Francisco Conde, conselleiro de Economía e vicepresidente segundo do executivo galego.

Sobre Alcoa, recoñece que é unha boa nova o aprazamento do ERE na planta de San Cibrao ao ano vindeiro, pero reclama esforzos para materializar dunha vez a venda da compañía a un dos catro posibles compradores. 

"Tanto o Goberno como Alcoa seguen trasladando declaracións de intencións. Nese sentido é unha boa nova, pero dende logo o que precisan os traballadores e o que precisa a Xunta de Galicia é o compromiso efectivo por parte de Alcoa para que proceda á venda real e por parte do Goberno para que cumpra o seu compromiso de establecer un prezo eléctrico competitivo", sinalou o conselleiro.

Por certo, falando deste sector, Conde cuestiona que o Goberno central se reserve a capacidade de repartir ao 100 % os fondos europeoas para a recupración en materia industrial cando non ten moitas das competencias nesta área.

Noticias web

01/08/2021