CRTVG

Buscar

A Xunta publica unha orde para facilitar a mobilidade dos agricultores durante o estado de alarma

Publicado o 24/03/2020 13:44

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este martes unha orde da Consellería do Medio Rural que fixa, entre outras cuestións, os criterios para facilitar a mobilidade dos agricultores.

De tal forma, terá consideración de agricultor profesional, a tempo completo ou parcial, aquel que estea de alta no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga). Así, os axentes da autoridade poderán dirixirse a ese rexistro para efectuar a comprobación oportuna.

No caso dos viticultores profesionais, poderán acreditalo co carné de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios ou coa tarxeta de rexistrado dispensada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe.   

No tocante ás persoas con cultivos ou viñedos de autoconsumo, con fins non comerciais, poderán facer os desprazamentos imprescindibles a condición de que non supoñan unha distancia superior aos 500 metros da súa vivenda habitual.

Ademais, non poderá haber máis de dúas persoas na parcela e deberán manter as distancias de seguridade.

Respecto a os mercados tradicionais agrogandeiros en concellos, están prohibidos ata o 31 de marzo. A partir desa data, a decisión sobre se seguen pechados ou se renovan publicarase na web de Medio Rural.   

Mentres, foméntase a venda de produtos agrícolas e gandeiros a través de vía telefónica e en liña, servidos polo produtor no domicilio do consumidor.   

No momento en que se levante a prohibición dos mercados, limitaranse unicamente a produtos agrícolas e gandeiros, con diferentes medidas de separación e distancia mínima. Tamén se recomendará poñer á disposición dos clientes luvas desbotables e xel desinfectante.