CRTVG

Buscar

A Xunta publica a regulación da app Passcovid para rastrexar contactos positivos

Publicado o 21/08/2020 18:49
A Xunta publica a regulación da app Passcovid para rastrexar contactos positivos

A norma dá amparo xurídico á app como instrumento complementario na xestión da crise sanitaria para facilitar a comunicación coa cidadanía, garantindo a privacidade dos datos e a transparencia. 

A descarga e uso da aplicación, que está en fase de pilotaxe, terá sempre carácter voluntario e estará dispoñible tanto para os residentes como para os transeúntes na comunidade.

O novo sistema de información estará activo mentres non finalice a actual crise sanitaria.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Sanidade pola que se regula o sistema de información Passcovid, que desenvolve a Xunta de Galicia, como medida complementaria na xestión da crise sanitaria ocasionada pola covid-19.

A aplicación Passcovid actuará como canle telemática e preferente de contacto con residentes e transeúntes en Galicia, conectada co Servizo de Saúde e a Central de Rastrexo de contactos e a aplicación estatal RadarCovid, como un complemento para o  traceo automático de contactos. A través de Passcovid recibirase o código alfanumérico que debe introducirse en RadarCovid no caso de que, de forma voluntaria, a persoa desexe reportar o positivo.

Así mesmo, entre as funcionalidades que integran a aplicación galega tamén se atopan a de achegar información relevante e consellos sobre a evolución da covid-19 en Galicia, anunciar a adopción de medidas ou os protocolos vixentes e mesmo trasladar recomendacións sobre o xeito de afrontar a actual situación sanitaria.

Coa intención de optimizar ao máximo a xestión e control da expansión do virus na comunidade, a axilidade da nova ferramenta de participación cidadá permitirá adoptar medidas axeitadas cunha maior celeridade e precisión segundo evolucione a situación epidemiolóxica.

O novo sistema de información, en fase de pilotaxe actualmente, estará dispoñible para as persoas usuarias a través dunha aplicación para dispositivos móbiles, e poderá ser utilizado por calquera persoa, maior de idade, que resida ou se atope temporalmente na nosa comunidade. Neste senso, o acceso e uso da aplicación por menores de idade está limitado a aquelas funcionalidades do sistema que non requiran do tratamento dos seus datos persoais. Nestes casos, e de acordo co artigo 7 da Lei orgánica de protección de datos, será necesario o consentimento, ben do menor cando sexa maior de 14 anos, ou ben do seu pai/nai, titor/a, cando se trate de menores de 14.

Cómpre subliñar que tanto a instalación da APP como a habilitación de cada unha das súas funcionalidades e o seu uso serán sempre voluntarias, garantindo a privacidade e confidencialidade dos datos que se rexistran na mesma.

Deste xeito, a Xunta de Galicia agrupa nunha única app un conxunto de utilidades para a cidadanía, que servirán de soporte e axuda para os profesionais sanitarios. 

As persoas que descarguen a aplicación Passcovid poderán optar por facelo mediante un perfil personalizado ou cun perfil anónimo. No primeiro dos casos, os usuarios que desexen rexistrarse poderán facelo por medio da identificación segura Chave365, recibindo alertas, mensaxes e consellos prácticos, en función das súas características en relación coa covid-19. Se deciden optar por un perfil anónimo, as mensaxes e alertas gozarán dun carácter moito máis xenérico, e incidirán nos protocolos sanitarios vixentes en Galicia. 

Nos dous casos, se a persoa usuaria decide, de xeito voluntario, activar a súa xeolocalización, as mensaxes e alertas estarán referenciadas de acordo á localización da persoa en cada intre. Así, Passcovid facilitaralle datos moito máis específicos, como poden ser os gromos activos nese concello, os protocolos vixentes no municipio ou as medidas sanitarias que debe adoptar. 

Vixencia ata a finalización da crise sanitaria

O sistema de información Passcovid.gal estará vixente ata a finalización da situación de crise sanitaria, que será declarada polo goberno estatal, ou, de ser posterior, até o momento da declaración polo Goberno autonómico da finalización da situación de emerxencia sanitaria.

A fin da vixencia do sistema de información será publicado no DOG, e implicará a inmediata desactivación da APP, sen prexuízo de que os datos deban conservarse en cumprimento da normativa sanitaria, ou polo seu valor científico e epidemiolóxico, en cuxo caso se gardarán de forma anónima. 

A información acerca do sistema e da APP estarán dispoñibles no portal informativo  https://passcovid.xunta.gal