CRTVG

Buscar

A Xunta propón á hostalería un sistema de tres niveis de seguridade para aumentar as ocupacións

Publicado o 20/08/2021 13:28

EFE

Na reunión mantida entre os conselleiros de Sanidade e o vicepresidente Rueda xunto a representantes das asociacións de hostalería de Galicia traballaron para que a demanda do sector de non ter que pechar os interiores dos locais nos concellos con nivel máximo sexa unha realidade.

"Púxose enriba da mesa non pechar a hostalería, que é algo que vimos pedindo á Administración e que intentamos que non se pechase co pasaporte covid. A partir de aquí o que se quere é chegar a uns niveis mínimos na hostalería en interior e exterior e ir incrementando esas ocupacións", explica Césareo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia 

O Goberno propón unha apertura que estea baseada no cumprimento das normas; así, para ampliar as ocupacións os locais terán que incrementar as medidas anticovid e de limpeza

"Medidas excepcionais sanitarias de fácil cumprimento como, por exemplo, se a obrigatoriedade é desinfectar o baño unha vez ao día, se o facemos dúas ou tres veces ao día, este protocolo incidiría no marco destas novas normas nunha maior ocupación", di César Ballesteros, presidente da Federación de Hostalería de Pontevedra.

"Trátase dun modelo que recolla máis fexibilidade e permita traballar de xeito máis planificado e non tan pendentes da incidencia. Os hostaleiros recibiron ben este modelo, imos axustar algunhas cousas con eles e por suposto tamén co comité clínico", explica o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. 

Non se contempla polo de agora a apertura das barras nos interiores dos locais. O documento enviado aos representantes da hostalería non é definitivoo e poden presentarse alegacións. O protocolo podería aprobarse no comité da semana que vén.

Noticias web

20/08/2021