CRTVG

Buscar

A Xunta presenta o plan que acredita o Camiño como destino turístico seguro

Publicado o 04/11/2020 15:50

É imposible prever ata que punto a evolución da pandemia vai condicionar o Xacobeo do ano que vén. Pero confiando en que, antes ou despois, os peregrinos volverán ao Camiño, a Xunta elaborou un plan para acreditalo como destino turístico seguro. Hoxe presentóullelo aos concellos do Camiño Francés.

Aínda que agora os Camiños están practicamente desertos, os responsables do Xacobeo contan con que os camiñantes volverán en canto se poida, e por iso queren que chegue a mensaxe de que é un destino que conta cos avais de calidade turística que acreditan a súa seguridade.

Coa colaboración do Instituto Español de Calidade Turística elaboraron unha serie de protocolos que establecen as condicións hixiénicas e de control sanitario que haberá que cumprir para que a ruta manteña a acreditación de calidade como corredor seguro. As medidas implican os albergues e tamén todos os espazos e servizos vinculados á ruta.

As medidas de seguridade específicas do Camiño son complementarias doutras de carácter xeral coma o rexistro de visitantes.

Os alcaldes e albergues da ruta francesa foron os primeiros en recibir o plan e o decálogo de medidas coas que se quere asegurar que o conxunto dos Camiños sigan sendo o principal destino turístico de Galicia.

Noticias web

04/11/2020