CRTVG

Buscar

A Xunta presenta ante o TSXG o decreto coas restricións e agarda recibir o visto e prace

Publicado o 10/05/2021 12:56

A Consellería de Sanidade presenta este luns no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia as medidas propostas para conter a pandemia tras o fin do estado de alarma, que manteñen os peches perimetrais e o toque de queda nos concellos con máis de 500 casos por 100.000 habitantes, así como restricións a reunións, ocupacións e horarios no resto da comunidade.

Julio García Comesaña, manifestouno durante a súa participación no Almorzo Socio-Sanitario organizado por Europa Press, onde admitiu que o Goberno galego acolleu o fin do estado de alarma con "moita incerteza" e "sen as ferramentas xurídicas" que considera "necesarias".

O conselleiro de Sanidade lembrou que a Xunta "desenvolveu a súa lexislación propia", a reforma da Lei de saúde, que, desde o seu punto de vista, é "totalmente respectuosa coas leis orgánicas" do Estado. Tras a súa aprobación, e "sen resposta anticipada" por parte do Executivo central, criticou García Comesaña, recibiuse "un recurso de inconstitucionalidade" por parte do Goberno, que "veu acompañado cunha suspensión provisional" dalgunhas das súas medidas.

Comesaña destacou que ve "preocupantes" as aglomeracións producidas nalgúns lugares a fin de semana, tras o fin do estado do alarma, aínda que en Galicia non se viron "demasiadas".