CRTVG

Buscar

A Xunta presenta a estratexia climática de Galicia no Cumio de Madrid

Publicado o 13/12/2019 15:19

Galicia volve estar presente na última xornada do Cumio Mundial do Clima que se celebra en Madrid. A COP25 chega á súa fin e, de momento, sen compromisos para loitar contra o cambio climático.

O cumio do clima péchase tras 13 días de sesións sen acordos políticos para tentar loitar contra o aumento da temperatura global do planeta. Moi boas palabras, concienciación por parte de todos, pero bótanse de menos medidas concretas e prácticas.

E mentres, esta mañá a conselleira de Medio Ambiente estivo aquí para presentar a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, un ambicioso plan que contempla 170 medidas, estas si concretas, e que suporá un investimento de 1.250 millóns de euros nos vindeiros cinco anos. 

A diminución á metade dos días de xeada, os cambios na chuvia, e a suba das temperaturas indican que o cambio xa está aquí. A Xunta quere combatelo cunha estratexia que pretende ser un referente en sustentabilidade.

A estratexia do Goberno galego quere poñer en valor o potencial da riqueza forestal para absorber dióxido de carbono. Aposta polas enerxías renovables. E no día a día cambios nos hábitos de consumo. A Xunta presentou a lei de residuos que pretende que estea aprobada no primeiro trimestre de 2020. O plástico vai desaparecendo pouco a pouco.

E tampouco haberá plásticos nos restaurantes se queremos levar as sobras para a casa. Terán que ofrecer un recipiente cun 50% de material biodegradable. Cambios que a Xunta presentou na COP25.

Noticias web

13/12/2019