CRTVG

Buscar

A Xunta preguntará ao Consultivo sobre se é posible que Ence pase a formar parte do porto de Marín

Publicado o 27/09/2021 20:13
A Xunta preguntará ao Consultivo sobre se é posible que Ence pase a formar parte do porto de Marín

EFE/Lavandeira jr

EP

O vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, avanzou que o Goberno galego preguntará ao Consello Consultivo de Galicia sobre se "é posible", desde o punto de vista legal, que a planta de Ence en Pontevedra pase a formar parte dos terreos da Autoridade Portuaria de Marín.

En declaracións á prensa logo de reunirse en Santiago cos comités de empresa de Ence (nun encontro no que tamén participou a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana), Conde sinalou que traballadores e Xunta coinciden en que a "única alternativa posible para a localización da planta de Ence é en Lourizán". Por iso, o Goberno galego apoia a vía aberta polos traballadores para que Ence se integre no chan portuario de Marín (forma parte de Portos do Estado), de modo que "podería avaliar a posibilidade de ampliar os seus terreos actuais".

A este respecto, Conde razoa que Ence é unha empresa "moi vencellada coa actividade loxística do porto" e os servizos portuarios, polo que cre necesario "explorar desde o punto de vista xurídico" esa posibilidade. Defende identificar calquera alternativa para "evitar o peche".

Unha vez se pronuncie o Consello Consultivo de Galicia, a Xunta remitirá o informe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica co fin de que poida analizalo xuridicamente. 

Noticias web

27/09/2021