CRTVG

Buscar

A Xunta pídelle ao Goberno máis controis na fronteira con Portugal

Publicado o 03/05/2021 14:50

Na ponte internacional de Tui, este luns non hai controis policiais e os vehículos circulan libremente entre España e Portugal. Algúns veciños aproveitan a reapertura da fronteira para cruzar a raia a pé.

"Eu vou mercar unha pomada na farmacia, que non a atopo en España. Ida e volta e nada máis", comenta un veciño de Tomiño.

Na localidade portuguesa de Valença do Miño, os comerciantes comezan a notar timidamente os efectos da reapertura.

"Pouco a pouco veñen, pero con moito receo", di unha comerciante portuguesa. 

Porque Galicia continúa baixo peche perimetral, polo que a afluencia de galegos é aínda limitada. E iso nótase tanto no comercio como na hostalería lusa.

"Aquí vívese nun 90 por cento dos españois, Valença sen españois é como un xardín sen flores", aseguran a dona dun restaurante e unha empregada dun comercio.

O executivo galego di que o peche perimetral vixente en Galicia só permite a entrada e saída da comunidade baixo causas xustificadas, e pídelle ao Goberno que intensifique os controis fronteirizos

Alfonso Rueda, o vicepresidente da Xunta de Galicia, di: "As causas de desprazamento con Portugal teñen que ser xustificadas e, polo tanto, pedimos a colaboración da Garda Civil e a Policía Nacional, para que se cumpran eses requisitos, mentres estean en vigor. As medidas deben ser mantidas e respectadas".