CRTVG

Buscar

A Xunta pídelle ao Goberno central transparencia e rigor sobre a lei do cambio climático e o seu impacto na industria do mar

Publicado o 06/04/2021 21:42

A tramitación da lei do cambio climático segue enfrontando a Xunta e o Goberno central. O Executivo galego advirte de que o Ministerio para a Transición Ecolóxica actúa de costas ao sector, que verte informacións falsas sobre o impacto da norma, que consideran que ten varios artigos anticonstitucionais segundo os informes da Asesoría Xurídica da Xunta e do Consello Consultivo de Galicia.

Rosa Quintana, conselleira do Mar, sinalaba hoxe: "Queremos insistirlle á Ministra de Transición Ecolóxica que atenda ao que se lle di desde Galicia, con toda a lealdade, porque o único que queremos é defender unha industria vital para Galicia. Esas leis non veñen a aportar nada novo, só dar inseguridade".

Dende a Consellería do Mar aseguran que o Goberno terxiversa sobre a responsabilidade da Xunta no outorgamento das concesións porque só son vinculantes os informes da Administración central.

"O que non se lle pode facer ao sector é mentir, e iso non o vou consentir. Estáselle trasladando ao sector que a única que deu un informe desfavorable a unha prórroga foi da Xunta de Galicia, cando saben que non é así. A Xunta regula unha actividade que se desenvolve nun terreo que é titularidade do Estado, é o Estado quen fai un informe preceptivo e vinculante para ver se lle outorga ou non o período concesional a esa instalación", explicou Rosa Quintana, conselleira do Mar.

As consellerías do Mar e de Medio Ambiente mantiveron un encontro con representantes da cadea mar-industria de Galicia co obxectivo de abordar os riscos para o sector. A lei que podería poñer en risco máis dun cento de instalacións marítimo-pesqueiras galegas.

Noticias web

06/04/2021