A Xunta pide explicacións ao Goberno pola apertura das fronteiras con Portugal
Sobre a reapertura das fronteiras con Portugal pronunciouse a Xunta. O vicepresidente Alfonso Rueda di que o Executivo galego soubo polos medios de comunicación desta reapertura e pídelle explicacións ao Goberno central. "Non temos ningunha información máis", lamentou.
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, reprochoulle ao Goberno que non notificase á comunidade galega a reapertura da fronteira con Portugal a partir de mañá, 1 de maio, e pediu explicacións respecto diso.
Así, dado que Galicia segue co peche perimetral decretado desde hai meses pola pandemia do coronavirus, Rueda entende que os cruces entre esta comunidade e o norte de Portugal "quedan circunscritos a razóns xustificadas para poder facelos", pero engade que non o ten "claro". Por iso, esixe ao Goberno central "algunha explicación".