A Xunta pecha unha residencia de maiores da Fonsagrada por deficiencias nos coidados
A Xunta de Galicia ordenou o peche cautelar das vivendas comunitarias Burón I e II e o traslado de todas as persoas maiores que residían nesas instalacións, situadas no municipio lucense da Fonsagrada, despois da inspección motivada por un informe que foi remitido polos Servizos Sociais municipais por mor da existencia de supostos malos tratos na residencia, que tamén informaron a Fiscalía.
A denuncia realizouna unha persoa de forma anónima, acompañada de material fotográfico. O alcalde da localidade, Carlos López, precisou que os Servizos Sociais do Concello da Fonsagrada carecen de "competencias para intervir" neste caso, porque se trata dunha "residencia privada", de modo que o Concello, despois de ver as imaxes achegadas polo denunciante, tomou a decisión de poñer o caso en coñecemento do ministerio público e da Consellería de Política Social.
Inspectores da Xunta de Galicia, acompañados por axentes da Garda Civil, que acudiron para prestar apoio, realizaron onte pola noite unha inspección que se prolongou "durante varias horas". Fontes de Política Social confirmaron que, ao ver o estado en que se atopaban os 29 residentes, tomouse a decisión de clausurar de forma inmediata as instalacións e de recolocar todos os anciáns. Os mesmos informadores indicaron que a Xunta de Galicia, ao ter coñecemento desta situación, actuou coa maior celeridade posible para garantir que as persoas maiores "que eran usuarias destes centros" poidan gozar canto antes dos coidados que necesitan.
De feito, esas persoas están a ser trasladadas ao longo do día de hoxe ao HULA para ser sometidas a unha revisión médica que determine o seu estado de saúde. Ademais, a Consellería de Política Social púxose en contacto co alcalde do municipio para informalo da situación e telo ao corrente do sucedido. A Xunta de Galicia tamén remitiu un informe á Fiscalía sobre os feitos "constatados" nestes centros polos seus inspectores, por se "puidesen ser constitutivos de ilícito penal".