CRTVG

Buscar

A Xunta ordena restablecer o luns todos os servizos de bus interurbano

Publicado o 07/05/2021 17:36

O Goberno galego acordou a reposición, con efectos desde o luns 10 de maio, de todos aqueles servizos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral que foran obxecto de reducións por mor da pandemia.

Así o recolle unha resolución do 30 de abril de 2021 da Dirección Xeral de Mobilidade publicada este venres no 'Diario Oficial de Galicia'. Na resolución, a Xunta ratifica que, desde o luns, pasará a prestarse "a totalidade da oferta" de servizos establecidos nos correspondentes contratos de concesión.  

Contra o seu acordo, definitivo en vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á súa notificación ante este mesmo órgano administrativo.  

A resolución tamén poderá impugnarse directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, computado do mesmo xeito.

Reducións de ata un 50 % 

Na exposición de motivos, a Xunta lembra que en maio de 2020, dado que estaba limitada a posibilidade de realizar desprazamentos interprovinciais, acometeuse unha maior restrición dos servizos públicos de transporte. Porén, a evolución da situación sociosanitaria en xuño motivou o incremento da prestación de até un mínimo do 80 % dos que se deberían prestar en condicións de normalidade. 

Con posterioridade, de novo na liña da evolución da pandemia, en febreiro deste ano aprobouse outra resolución que lles ofrecía ás concesionarias a posibilidade de "reformular a oferta de servizos" reducíndoa, baixo determinadas condicións, ata nun 50 % das circulacións correspondentes a cada sentido de ida e/ou de volta.  

Na actualidade e dado que o 9 de maio finaliza o estado de alarma, ademais das mellores condicións sanitarias, a Xunta considera que decaen as circunstancias que xustifican dita redución e ordena restablecer a totalidade dos servizos.