CRTVG

Buscar

A Xunta ofrece prazas no Carballiño aos maiores da residencia pechada na Fonsagrada

Publicado o 13/04/2020 18:18
A Xunta ofrece prazas no Carballiño aos maiores da residencia pechada na Fonsagrada


A Xunta de Galicia ofreceulles ás persoas maiores que eran usuarias das vivendas comunitarias Burón I e II, no municipio lucense da Fonsagrada, pechadas de forma cautelar desde o pasados mércores, prazas na residencia pública do Carballiño (Ourense), onde “poderán recibir atención sociosanitaria” e un “seguimento individualizado da súa evolución”. Segundo informou a Consellería de Política Social, a Xunta púxose en contacto coas familias destas persoas maiores para informalas da dispoñibilidade desas prazas na residencia pública, de modo que os usuarios poderán seguir “residindo xuntos”.

Os traslados comezarán a medida que os maiores “vaian abandonando o Hospital Universitario Lucus Augusti ( HULA), a onde foron derivados para ser sometidos “a un recoñecemento completo”, tras comprobar as condicións en que estaban na residencia fonsagradina, despois dun informe dos servizos sociais municipais, tras recibir unha denuncia anónima por supostos “malos tratos”. Política Social lembra que o peche cautelar das vivendas comunitarias e o traslado dos residentes ordenouse “inmediatamente despois de que a inspección de Servizos Sociais” recibira ese informe municipal da Fonsagrada “sobre posibles irregularidades”. “Os inspectores da Xunta desprazáronse de forma inmediata ás vivendas comunitarias para corroborar” os feitos denunciados, dos que deu traslado “á Garda Civil e á Fiscalía, por se puidesen ser constitutivos de ilícito penal”.

Noticias web

13/04/2020