CRTVG

Buscar

A Xunta ofrece ceder vacinas ao Instituto Social da Mariña para poder inmunizar a frota

Publicado o 23/04/2021 16:27

A conselleira do Mar da Xunta, Rosa Quintana, afirmou este venres que Galicia está disposta a ceder vacinas ao Goberno central co obxectivo de que axilice a vacinación dos mariñeiros da frota galega por parte do Instituto Social da Mariña (ISM).

Quintana explicou que, unha vez que o Goberno determinou que o proceso de inmunización das tripulacións vai ser realizado polo ISM -a autoridade competente en sanidade marítima en España-, o Ministerio de Sanidade "debe dar de forma inmediata a orde para que comece esa vacinación", recolle un comunicado da Xunta.

Tamén lamentou Quintana as declaracións da ministra de Sanidade, Carolina Darias, en que afirmaba que os mariñeiros se vacinarán "cando lles toque e coa vacina que lles toque", e instouna a reconsiderar esas palabras pois supoñen, dixo "un menosprezo" para os profesionais do mar e demostran "falta de sensibilidade co sector".

Neste sentido, reiteroulle ao Executivo central a necesidade de que a frota conte cun protocolo específico de vacinación dado que os tripulantes teñen dificultades engadidas ás doutros colectivos, como a imposibilidade de manter as distancias de seguridade a bordo.

Tamén a realización de mareas de varias semanas sen poder recibir atención sanitaria inmediata ou unhas estancias longas en alta mar que limitan a súa dispoñibilidade para acudir á subministración da vacina.

En relación co feito de que outras comunidades vacinasen pola súa conta aos seus mariñeiros, a titular de Mar lembrou que os protocolos de vacinación acórdanse no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde -no que participan o Goberno central e as comunidades-. "Debemos respectar os protocolos acordados no Consello, que é quen decide os grupos de vacinación e non vou falar das comunidades que deciden saltalos", indicou.

Neste sentido, sinalou que a lealdade institucional e a unidade de acción deben reinar para loitar contra a pandemia, así como o feito de que o ISM é o organismo que ostenta as competencias na materia.