CRTVG

Buscar

Máis de 6.800 prazas para campamentos xuvenís e campos de traballo este verán

Publicado o 15/06/2020 12:58

Este luns, a conselleira de Política Social, Fabiola García, e a directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, presentaron o programa de campamentos de verán xuvenís e campos de traballo para este ano, en que a Xunta oferta máis de 6.800 prazas.

Avalados polo comité clínico galego, dixo a conselleira, os campamentos de verán terán unha "redución importante da capacidade" nas instalacións, reforzarase a cifra de monitores para facer actividades con menor número de participantes e implantaranse as medidas hixiénico-sanitarias necesarias.

Con esta fin, Xuventude elaborou un protocolo específico que foi trasladado aos xestores dos campamentos e campos de traballo para a adaptación á nova realidade. Tamén se achegará formación específica aos monitores.

Dende a segunda quincena de xullo e ata comezos de setembro, programaranse campamentos de verán para os nenos de entre 9 e 17 anos. Así mesmo, terán lugar campamentos específicos para persoas con discapacidade e campos de voluntariado para maiores de idade.

Unha das novidades é a oferta de preto de 600 prazas para nenos de 12 a 14 anos na modalidade de 'minicampamentos' Coñece Galicia, organizados en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e que terán unha duración de cinco días, de luns a venres. Malia que, pola situación actual, non se farán intercambios con outras comunidades autónomas.   

Entre as temáticas, segundo explicou Fabiola García, están a cociña, a aeronáutica, as novas tecnoloxías ou o coidado do medio ambiente.

As actividades realizaranse en grupos dun máximo de 15 mozos cun monitor, primando aquelas que garantan a distancia de seguridade. E de non ser posible, deberá empregarse a máscara.

Para acceder a unha das prazas, ben sexa dos campamentos ou dos campos de traballo, hai que cubrir o modelo de solicitude anexo á orde publicada no DOG deste luns. O prazo de presentación será de sete días a partir deste martes. A maiores, as familias deberán entregar unha declaración responsable sobre a saúde dos participantes, e a súa incorporación aos campamentos será "graduada".