A Xunta non decidirá sobre o pase á nova normalidade ata que coñeza o decreto

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalou este martes que agarda coñecer o decreto sobre a nova normalidade e a súa entrada en vigor para tomar unha decisión en Galicia, xa que facelo antes "non é oportuno nin aconsellable".
Durante un acto en Santiago de Compostela, Núñez Feijóo lembrou que Galicia fixo alegacións ao borrador que presentou o Goberno ás comunidades autónomas e que, polo tanto, esperará a ver a redacción definitiva.
En calquera caso, explicou, o Goberno galego está xa valorando cal é a mellor decisión para restablecer a actividade económica e social, atendendo sempre "á seguridade sanitaria", explicou.
A preguntas presenciais dos xornalistas, que aos poucos se van incorporando aos actos nos que a Xunta non ofrece a posibilidade de seguilos por medios telemáticos, Núñez Feijóo dixo que esta semana -o xoves 11- haberá unha reunión con representantes do sector do lecer nocturno, xa que Galicia decidiu onte atrasar ao mes de xullo a apertura de discotecas e locais de lecer nocturno.
Núñez Feijóo considerou que a actividade neste sector presenta prácticas de maior risco que outros, polo que de momento a Xunta inclinouse por "a cautela" á hora de autorizar esta actividade.
"Neste momento poderíanse abrir estes locais cun terzo do seu aforo e sen baile. Entre isto e estar pechados entendemos que non hai moita diferenza económica", asegurou o presidente galego, que lembrou, ademais, que desde onte xa se pode circular sen limitacións por toda Galicia.
Núñez Feijóo asegurou que con esta medida non pretenden "demonizar o sector" nin identificalo anticipadamente con rebrotes; aínda que mostrou o seu convencemento de que en caso de permitir neste momento a apertura e se producisen rebrotes, si quedaría "definitivamente tocado moitos meses".