A Xunta propón unha multa ampliable de 35.000 euros a Adif polos vagóns do Sil
Maquinaria de ADIF traballaba hoxe sobre a vía do ferrocarril. Están a preparar os accesos para que dous guindastres de 80 toneladas poidan chegar ata o lugar do sinistro dende a estación de tren de Sobradelo. A pasada noite quedou xa desmontada e retirada a catenaria. Son os primeiros movementos que se ven estes días en Sobradelo despois de que dous vagóns foran guindados o río durante as manobras para despexar a vía.
Sanción para Adif
A Xunta anunciou este xoves o inicio dun expediente sancionador contra Adif, ente público dependente do Ministerio de Transportes, pola súa suposta responsabilidade no destino de dous vagóns do tren que descarrilou o 28 de xullo en Sobradelo, que acabaron na marxe dereita do río Sil.
Os feitos, entende o Goberno galego, poderían ser constitutivos dunha infracción tipificada como grave na Lei de residuos, tal e como detallaron as dúas conselleiras desprazadas á zona, a responsable de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a titular de Infraestruturas, Ethel Vázquez, ambas en funcións.
Este tipo de infracción, tipificada na norma como “abandono, vertedura ou eliminación de calquera tipo de residuos non perigosos”, pode carrexar sancións elevadas. Neste caso a Xunta propuxo unha multa de 35.000 euros, que podería ser máis alta en caso da constatación de danos ao río Sil.
“Sorprende que o faga unha Administración Pública, se lles esiximos a calquera cidadán empresario que cumpra a Lei, que menos que nós como Administración dar imaxe e cumprir esa lei”, sostivo ante a prensa.
Para a conselleira, a imaxe mostrada por Adif foi “cando menos sorprendente”, tras lamentar ademais o feito de que “non houbese ningunha notificación” á Comunidade autónoma nin ao concello nin a ningunha das xefaturas territoriais.
Con independencia da sanción económica, subliñou tamén que solicitou ao Administrador ferroviario que proceda "canto antes" á retirada dos vagóns e á súa oportuna xestión de residuos e pediu explicacións polo ocorrido.
A conselleira de Medio Ambiente advertiu de que “alguén ten que dicir algo respecto diso” e, en concreto, pediu explicacións aos Ministerios que teñen competencias, Transportes e o Ministerio de Transición Ecolóxica.
A Confederación Hidrográfica e Adif tamén investigan
A Confederación Hidrográfica anunciaba tamén a través dun comunicado que despois das primeiras investigacións todo parece apuntar a que os vagóns foron empurrados de xeito intencionado para que caeran polo noiro.
Adif, á súa vez, mantén aberta unha investigación para coñecer todos os detalles do sucedido nas manobras de encarrilamento de once vagóns do tren operado por Renfe Mercadorías que sufriu un accidente que causou importantes danos na liña León-A Coruña.
O vídeo dun particular, divulgado polas redes, permitiu ver como esta semana as estruturas de gran tonelaxe pertencentes a ese convoi sinistrado se precipitaban ao leito do río.