A Xunta informará o Parlamento do plan de vacinación contra a covid-19

A Xunta rexistrou no Parlamento a solicitude de comparecencia, a petición propia, da directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán Parrondo, para informar sobre o Plan Galego de Vacinación contra o SARS-CoV-2, no seo da comisión quinta de Sanidade, Política Social e Emprego, da cámara lexislativa autonómica.
A vacinación retomarase mañá en Galicia, pois este día de primeiro de ano non se está administrando, informou a Consellería de Sanidade. A comparecencia de Durán enmárcase na "intensa estratexia de divulgación" despregada pola Xunta, con detalles explicados en "reunións coas organizacións sindicais e cos grupos políticos no mesmo día da súa aprobación" por parte do Consello, sinala o comunicado remitido á prensa.
Na semana seguinte, lembra a nota, o conselleiro, Julio García Comesaña, e o resto de cargos do servizo galego de saúde (Sergas) informaron a representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a colexios oficiais de enfermería e de médicos, así como a sociedades científicas de medicina e enfermería de atención primaria, medicina preventiva, alerxias e inmunoloxía, e xerontoloxía e xeriatría.