CRTVG

Buscar

A Xunta informará dúas veces por semana os concellos da evolución dos contaxios no municipio

Publicado o 06/10/2020 22:13

A Xunta vai informar dúas veces por semana cada concello da evolución dos contaxios no municipio, a petición da Federación Galega de Municipios e Provincias, a Fegamp.

O compromiso saíu da reunión que mantiveron esta tarde os representantes dos concellos co presidente da Xunta, o vicepresidente primeiro e os conselleiros de Facenda e Sanidade.

A Xunta e a Federación de Municipios e Provincias abren o diálogo nesta lexislatura con vontade de acordo sobre competencias, financiamento, auga ou transporte, a maiores das urxencias do coronavirus, onde os concellos teñen algunha queixas.

Alberto Varela, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias: "O que queremos ser os concellos é colaboradores e leais co restos das administracións, como creo que fixemos modestamente durante o estado de alarma, en axudar a saír canto antes disto. Pero para iso pedimos maior información e máis participación na toma de decisións e, por suposto, os recursos económicos que necesitamos para prestar esa axuda, ese auxilio aos nosos veciños".

O Goberno galego recoñece que a información aos concellos non estaba sendo boa. O presidente da Xunta: "Pedimos desculpas aos concellos porque, ás veces, as notificacións que facemos dende o comité clínico son comunicacións en horas ou en días, pero sempre comunicacións cun límite temporal moi estreito".

De agora en diante, a Xunta informará dúas veces por semana todos os concellos do número de casos que rexistran, pero con mapas de cores, respectando o anonimato das persoas infectadas.

Alberto Núñez Feijóo: "A cuestión importante, a que mide cualitativamente a importancia da infección e o perigo de infección, é ver o número de casos novos en cada concello; como vai evolucionando, como vai cambiando a cor dos concellos con tranquilidade epidemiolóxica cara a máis dificultades epidemiolóxicas".

Feijóo apoia a petición dos concellos ao Goberno central dun fondo local para a covid-19, similar ao anunciado para as comunidades autónomas. 

Noticias web

06/10/2020