A Xunta impulsa unha orde para axilizar o acceso de grupos ás Illas Atlánticas
EP
A Xunta impulsa unha orde para axilizar o acceso de grupos Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e habilita unha funcionalidade que permite que as navieiras xestionen estas visitas mediante unha clave. Nun comunicado, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda detallou que traballa na elaboración dunha norma reguladora do sistema de acceso de grupos organizados para simplificar e axilizar o réxime aplicable a estas visitas. O período de consulta pública previa desta orde arrincou este mércores e prolongarase ata o próximo 11 de novembro.
Na actualidade, o acceso de grupos organizados está regulado polo Plan Reitor de Uso e Xestión (PRUG) do parque nacional. Ante o "bo funcionamento" e o "estado de madurez" deste documento, a Consellería considerou que este é un momento adecuado para proceder ao seu desenvolvemento cunha disposición regulamentaria específica sobre o procedemento aplicable para esta clase de visitas.
As achegas recibidas durante o período de exposición pública da orde de acceso para grupos -os únicos que o PRUG permite que se despracen ás illas en tempada baixa- serán valoradas pola Consellería e poderán incorporarse ao texto normativo e ao sistema de xestión de autorizacións. Paralelamente, o departamento autonómico de Medio Ambiente implementou unha funcionalidade na páxina web habilitada para solicitar autorizacións de entrada ao parque para grupos con guía que só resulta accesible para as navieiras mediante unha clave. Deste xeito, as empresas que xestionan as rutas en barco ás Illas Atlánticas poden formar os grupos, contratar o guía acreditado que os acompañará e tramitar a correspondente reserva cos datos dos asistentes.